Friday 03 de May de 2024

Setenta nenos e nenas participan na primeira quenda dos campamentos urbanos do Concello de Noia


 

Un total de setenta nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, participan estes días na primeira quenda dos campamentos urbanos de conciliación programados polo Concello de Noia para os meses de xullo e agosto. Unha rapazada que foi recibida esta mañá na Alameda de Noia pola concelleira de Deportes e Mocidade, Laura Salgado, quen se interesou polas actividades que están desenvolvendo nestes días.

“Ademais dos típicos xogos deportivos, estamos facendo unha campaña de animación á lectura na que os nenos e nenas dan lectura a un conto e despois fan obradoiros de manualidades e debaten sobre o mesmo”, explica Laura Salgado, quen adianta que “o último día da quenda, o 12 de xullo, faremos unha gran Festa de Samaín como continuación a unha das lecturas que tiveron estes días, Vampirina”. Cada quenda terá unhas lecturas e unhas festas diferentes.

Os campamentos urbanos teñen como epicentro as instalacións do IES Campo de San Alberto, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. Durante estes primeiros días realizaron distintos xogos con auga e moito deporte. Para a semana están previstas saídas á praia e unha festa da escuma.

As próximas quendas terán lugar do 15 ao 26 de xullo e do 29 de xullo ao 9 de agosto. As inscricións poden formalizarse no segundo andar da casa do concello de Noia, en horario de 10:00 a 14:00 horas.